Nesta sección das ligazóns penso deixarvos un acceso fácil a aquelas páxinas que teñen que ver coa miña familia e os meus amigos. Espero que desfrutedes do que vexades.
Son Ferrolán, caranceiro para maior fantasía.
Veño dunha familia na que todos acabamos tirando cara a arte como maneira de entender a vida.
Meu irmán (Anxo) e miña cuñada son pintores, miña mai (María Manuela) é pintora para alén de cantante e eu acabei indo por onde meu pai (Miguel Varela), pola música.
Son un gran amante do mar e de todo o que iso significa para un da costa que vive en Compostela. Escapo, cando podo, para cheirar o salitre, a auga bravía e a serenidade da súa vida, o movimento das ondas, a ardentía, a rebeldía dun medio indómito; para ver o casamento do vento coa auga, dos ventos mareiros e dos terrais. Admíroo porque é todo el un ser vivo, principio e fin da existencia. Gústame ir en barco. Non son mariñeiro, aínda que respeto moito a quen vive do mar imenso. Vou de cando en vez cun bon amigo nun veleiro que ten, nin moi grande, nin pequeno, pra ver a terra coa vista fermosa das gaivotas. Vexo as rochas lambidas polas ondas, vexo todo o que desde a terra se nos nega. É fermosísimo.
Son comedoriño e algo cociño, encántame estar de festa coa familia, valoro moito a amizade e gosto dos aloumiños.
Nenhum comentário:
Postar um comentário