Pesquisar este blog

quarta-feira, 18 de agosto de 2010

Concerto da Capela Compostelana e do taller de música antiga do Orfeón Terra a Nosa

Ola, onte penso que foi un día especial. Despois de termos dado un concerto na igrexa das Ánimas en Santiago de Compostela coa Capela Compostelana e o taller de música antiga do "Orfeón Terra a Nosa"; penso que houbo algo que cambiou na mentalidade da xente, e é que os grupos de música antiga daquí  poden ofrecer perfectamente algo extraordinario como é un concerto desta magnitude e sobre todo ben levado por Miro Moreira e por Francisco Luengo (quen organizou semellante grupo, o repertorio e o traballo instrumental). O grupo que onte se deu cita constaba de seis solistas, un cornetto, unha chirimía, un sacabuche, un baixón, dúas violas da gamba, órgano, arpa barroca de dúas ordes, violone e o coro antes citado. Penso que foi un punto de inflexión porque cautivou e tivo éxito, porque sendo prácticamente un monográfico de Vaquedano, foi rico e variado e porque na igrexa das ánimas, non collía unha ánima máis, de tanta xente que houbo.
Síntome orgulloso de ter participado nel e de ter feito tan boa música.
Se queredes información sobre a Capela e sobre o Orfeón e a capela da Catedral, visitade a páxina:
http://actus.org.es

terça-feira, 16 de março de 2010

Unhas palabriñas sobre min

Ola, son Xurxo Varela.
Son músico e a miña actividade musical céntrase principalmente na interpretación e na docencia.
Son violagambista (non me refiro a que viole gambas nin nada polo estilo), son tocador de viola da gamba, un instrumento un tanto raro de ver. Toco en distintas formacións de música antiga e en varios grupos de música galega ademais de cantar.
Esta pretende ser unha primeira aproximación á miña vida, ás miñas inquedanzas e andainas polo mundo adiante e a todo aquilo que me gusta e me fai vibrar como persoa e músico

Sobre a música antiga e como vai o negocio para os que vivimos nela

Sobre a música antiga e como vai o negocio para os que vivimos dela e nela.

Hoxe en día poido dicir que vivir da música, se ben é difícil, é algo que paga a pena. Resulta difícil, en serio, non se trata de que unhos feirantes que non temos outra cousa que facer escollamos ir por aí tocando e dando a nota nun concerto e xa está, e a partires daí cheguemos á conclusión de que por iso nos teñen que pagar un pastón. Non tal. Vivir da música é complicado e facer concertos supón entre outras cousas, preparar un repertorio, ensaialo coa xente, poñer a andar unha idea da música, facer que esa idea sexa comprensible para o público, facer que o público se emocione tanto coma ti coa música e gañar o aplauso e a aprobación de quen te escoita. Para chegar a ese punto precísase un tempo de ensaio diario, de máis ou menos horas pero sobre todo o que se precisa é o compromiso coa música de dedicarlle o teu tempo. Dar concertos por tanto non é unha empresa fácil, hai que ter en conta que con independencia de que ao público haxa que namoralo, hai que ser respetuosos coa música e tratar de sacar o mellor dela, nunca desprezala por ser simple senon ter en conta que ás veces na sinxeleza pode estar a maxia igual que na complicación non sempre está a virtude. É curioso todo isto porque moitas veces se confunde a música cos foguetes ou cos fogos de artificio. Unha obra pode ser complicadísima e non dicir nada, e pode ser moi difícil pero se quen interpreta aínda que teña un gran dominio do instrumento non sabe que facer con ela non ha facer máis que ruido ordenado. Para a interpretación cómpre chegar a ela con humildade e simplemente tratar de dicir as cousas o mellor posible, desde a análise, a comprensión, o estudo e finalmente deixando que a música sexa a que te conduza polo seu mundo cando xa teñas a obra montada e entendida. Non sempre se consigue isto pero cando pasa é marabilloso e vendo a reacción do público cando algo está ben montado e cautiva, un comprende que entrar neste mundo da música profesional paga a pena. É difícil, insisto, vivir da música, as administracións pagan tarde, mal ou nunca, pero cando chega o momento do concerto todo o mundo se para e aí estás simplemente dándolle forma a algo que repousaba nun papel. É  a arte mesma da creación a que se busca interpretando, cando se acada un volve contento a casa e dáse conta de que pagou a pena estar aí tocando.

Sobre as ligazóns da páxina

Nesta sección das ligazóns penso deixarvos un acceso fácil a aquelas páxinas que teñen que ver coa miña familia e os meus amigos. Espero que disfrutedes do que vexades.